Saída ao Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro

Seguindo as actividades da semana da prehistoria, o mércores 26 de abril de 2026, o alumnado do CEIP Avelino Cachafeiro desfrutou dunha saída didáctica ao Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, unha xornada na que puidemos achegarnos á nosa prehistoria dun xeito vivencial, divertido e moi enriquecedor.

Durante a visita percorremos o parque, coñecemos diferentes petróglifos e aprendemos máis sobre o seu significado e a súa importancia. Tamén visitamos a recreación dun antigo poboado, participamos en obradoiros de reprodución de petróglifos con distintas técnicas e descubrimos como se facía o lume na Prehistoria. Ademais, o alumnado puido gozar do labirinto metálico do parque, inspirado nun dos motivos rupestres máis coñecidos.

Foi unha actividade na que se combinaron aprendizaxe, convivencia e diversión, permitindo que os nenos e nenas se achegasen á historia dun xeito moi especial.

Esta saída foi organizada en colaboración coa ANPA Meixoeiro do centro, á que queremos agradecer sinceramente a súa implicación e a posibilidade de facer realidade esta experiencia didáctica e lúdica ao mesmo tempo.

A continuación, compartimos o vídeo resumo desta xornada.

Unha viaxe á Prehistoria sen saír da aula!!!

Coincidindo tamén coas actividades do día do libro, esta semana, grazas a ANPA, recibimos no centro a Rober Calabuig Hernández, autor de “Los Sapiens se van a casa”

Tanto o libro como a visita de Roger son un claro exemplo de como incentivar á lectura. Dudo moito que ningún dos presentes non quedara con ganas de ler o seu libro despois de escoitalo e participar nas súas actividades. Temos que agradecer especialmente o xesto do autor, que doou un exemplar do seu libro á biblioteca do centro cunha agarimosa dedicatoria, que sen dúbida gardaremos con moito cariño.

A través dunha adaptación moi dinámica da súa obra, achegounos á Prehistoria dun xeito participativo, permitindo ao alumnado non só escoitar a historia, senón tamén manipular reproducións de obxectos da época e coñecer como vivían os nosos antepasados.

Un dos aspectos máis destacados da xornada foi a reflexión sobre os valores humanos, poñendo en valor a colaboración, o respecto e a igualdade como base da evolución, e invitándonos a construír unha sociedade máis xusta e inclusiva.

Moitas grazas pola visita e por compartir con nós unha experiencia tan enriquecedora! E, unha vez máis, grazas a ANPA, por organizar unha actividade de tanta calidade!!!

Aquí vos deixamos unha imaxes lembranza deste día:

  Día do Libro: maxia, lectura e creatividade

Con motivo da celebración do Día do Libro, no CEIP Avelino Cachafeiro realizamos diferentes actividades para achegar ao alumnado ao mundo da lectura dun xeito creativo, motivador e cheo de ilusión.

O alumnado de Educación Infantil participou nunha actividade moi especial elaborando marcapáxinas personalizados coa súa propia imaxe, combinando lectura, creatividade e expresión artística.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Unha das propostas foi a visita do mago Martín, que nos ofreceu o espectáculo “O misterioso Dr Saa”, no que a maxia, os libros e a imaxinación foron os grandes protagonistas. A través dos seus trucos e historias, o alumnado gozou dunha experiencia divertida que nos lembrou que os libros tamén poden abrir portas a mundos sorprendentes. Grazas a Martín e ao libro que nos trouxo agora coñecemos un pouco da vida e traballo dun gran mago galego: O Dr Saa.

Aquí tedes unhas imaxes para que comprobodes o vén que o pasamos: 

 

Foi unha xornada moi fermosa para seguir descubrindo que ler tamén é soñar, crear e deixarse sorprender.

Inauguración da Ludoteca escolar e servizo de préstamo de xogos

Estimadas familias:

Queremos informarvos de que, nos últimos anos, grazas a aportación da ANPA e aos propios recursos do centro contamos cunha dotación considerable de xogos educativos de mesa. Porén, somos conscientes de que o tempo lectivo na aula é limitado e non sempre nos permite aproveitar todo o potencial que estes recursos ofrecen.

Co obxectivo de que o alumnado poida gozar deles e aprender xogando, puxemos en marcha unha Ludoteca escolar coas seguintes novidades:

  • Espazo de xogo: O centro organizou este espazo para que os xogos estén almacenados e clasificados tanto por habilidades como por idades. Tamén é un espazo físico adaptado para poder xogar en pequenos grupos.

  • Servizo de préstamo: Para que a aprendizaxe lúdica continúe no fogar, todos os venres establecerase un servizo de préstamo. Así, os alumnos e alumnas poderán levar os xogos á casa para gozar deles en familia e devolvelos o seguinte día lectivo.

Cremos que esta é unha oportunidade excelente para darlles unha nova vida a estes recursos, fomentar o tempo en familia de calidade e o desenvolvemento do alumnado fóra do horario escolar.

Para calquera dúbida, poden consultar co centro.

Un saúdo:

O Equipo Docente