RECOMENDACIÓNS LECTORAS
Como cada fin de curso traémosvos as nosas recomendacións lectoras da man do CEIP Nosa Señora das Dores de Forcarei e, esta vez tamén, do CEIP San Xoán Bautista de Cerdedo.


Festa de fin de curso conxunta no Concello de Forcarei
O alumnado de 2º ciclo, tras ler unha versión en cómic de Don Quixote da Mancha e explorar algúns exemplares relacionados dispoñibles na nosa biblioteca, preparou un podcast para compartir co resto do colexio o argumento dalgúns dos episodios máis interesantes desta obra universal.
Ao longo da actividade, achegáronse ao mundo da radio experimentando con diferentes efectos sonoros: uns elaborados polo propio alumnado e outros descargados de páxinas con recursos libres de dereitos. Deste xeito, fomos avanzando pequenos pasos na aprendizaxe da linguaxe radiofónica, traballando a lectura expresiva, a comunicación oral, a creatividade e o traballo en equipo.
Agardamos que desfrutedes deste percorrido sonoro polas aventuras de Don Quixote e Sancho Panza.
O martes 16 de xuño de 2026, o alumnado do CEIP Avelino Cachafeiro gozou dunha fantástica excursión ao impresionante Castro de San Cibrao de Las.
Queremos expresar o noso máis sincero agradecemento á ANPA pola súa organización e colaboración nesta actividade. Grazas ao seu esforzo e dedicación, o noso alumnado puido vivir unha xornada de aprendizaxe, descubrimento e convivencia fóra das aulas.
A continuación, podedes ver o vídeo resumo da visita:
O venres día 12 visitamos o mural de Avelino Cachafeiro situado na N-541, pero… OLLO! fomos testigos en directo, xa que aínda non estaba rematado e puidemos observar o proceso de elaboración e facer preguntas grazas ao seu autor Sfhir, artista urbano recoñecido internacionalmente, autor do mural dedicado a Avelino Cachafeiro en Soutelo de Montes.
Queremos agradecer á nosa alcaldesa Belén Cachafeiro, e á concelleira Ángeles Ballesteros, así como á nosa ANPA, por acompañarnos e así reforzar, aínda máis a importancia de Avelino Cachafeiro, e tamén por dar a coñecer ao noso alumnado o traballo dun artista urbano/grafiteiro.

Co remate deste curso tamén chega ao seu fin o programa Merendas Saudables, unha iniciativa deseñada para fomentar hábitos alimenticios saudables nos recreos entre o noso alumnado.
Ao longo destes meses, moitos nenos e nenas participaron con ilusión nos retos propostos, demostrando que, pouco a pouco, é posible adquirir costumes máis sans e responsables.

O alumnado do centro desfrutou dunha xornada moi especial na Granxa Escola O Kiriko, onde puido aprender, convivir e pasalo en grande nun contorno natural cheo de actividades.
O alumnado de Educación Infantil e 1º ciclo de Primaria realizou unha visita aos animais da granxa e participou nun divertido obradoiro de galletas. Pola tarde, continuaron a xornada xogando no parque e coñecendo diferentes espazos da granxa escola, como por exempo, o horto.
Pola súa banda, o alumnado de 2º e 3º ciclo de Educación Primaria participou nunha busca de orientación, practicou tiro con arco, visitou tamén os animais e realizou unha actividade moi interesante: a creación de pegadas de lobo con xeso.
Ao longo do día compartimos tamén o momento da comida e tivemos tempos de lecer nos que o alumnado puido desfrutar do parque, do campo de fútbol e da compañía dos seus compañeiros e compañeiras.

No noso colexio celebramos as Letras Galegas dedicadas a Begoña Caamaño cunha chea de actividades pensadas para descubrir a súa vida e a súa obra dun xeito creativo, participativo e divertido. A través da robótica, a arte, a radio, a lectura e o traballo en equipo, o alumnado achegouse á autora homenaxeada poñendo en valor a lingua e a cultura galegas.
Aquí vos deixamos un vídeo onde podedes ver as nosas actividades:
Este ano, ademais, o noso traballo tivo unha especial difusión, xa que a Televisión de Galicia, a través do programa O Termómetro, deu a coñecer as actividades realizadas no centro. Un motivo máis para sentirnos orgullosos e orgullosas do esforzo do noso alumnado.
Seguindo as actividades da semana da prehistoria, o mércores 26 de abril de 2026, o alumnado do CEIP Avelino Cachafeiro desfrutou dunha saída didáctica ao Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, unha xornada na que puidemos achegarnos á nosa prehistoria dun xeito vivencial, divertido e moi enriquecedor.
Durante a visita percorremos o parque, coñecemos diferentes petróglifos e aprendemos máis sobre o seu significado e a súa importancia. Tamén visitamos a recreación dun antigo poboado, participamos en obradoiros de reprodución de petróglifos con distintas técnicas e descubrimos como se facía o lume na Prehistoria. Ademais, o alumnado puido gozar do labirinto metálico do parque, inspirado nun dos motivos rupestres máis coñecidos.
Foi unha actividade na que se combinaron aprendizaxe, convivencia e diversión, permitindo que os nenos e nenas se achegasen á historia dun xeito moi especial.
Esta saída foi organizada en colaboración coa ANPA Meixoeiro do centro, á que queremos agradecer sinceramente a súa implicación e a posibilidade de facer realidade esta experiencia didáctica e lúdica ao mesmo tempo.
A continuación, compartimos o vídeo resumo desta xornada.