RECOMENDACIÓNS LECTORAS

Como cada fin de curso traémosvos as nosas recomendacións lectoras da man do CEIP Nosa Señora das Dores de Forcarei e, esta vez tamén, do CEIP San Xoán Bautista de Cerdedo.

FESTA DE FIN DE CURSO

Festa de fin de curso conxunta no Concello de Forcarei

O alumnado do CEIP Avelino Cachafeiro e do CEIP Nosa Señora das Dores gozou dunha estupenda xornada de convivencia para celebrar o final de curso xuntos.

Ao longo do da xornada, os nenos e nenas puideron participar en numerosas propostas lúdicas, como inchables, cama elástica, obradoiros de pulseiras, maquillaxe e outras actividades pensadas para compartir, divertirse e despedir o curso do mellor xeito posible.

Foi unha ocasión moi especial para reforzar os vínculos entre os dous centros educativos do Concello de Forcarei, crear novas amizades e vivir momentos cheos de alegría, xogos e boas experiencias.

Deixámosvos neste vídeo unha pequena mostra de todo o que disfrutamos nesta festa de fin de curso.

 

DON QUIXOTE DA MANCHA

O alumnado de 2º ciclo, tras ler unha versión en cómic de Don Quixote da Mancha e explorar algúns exemplares relacionados dispoñibles na nosa biblioteca, preparou un podcast para compartir co resto do colexio o argumento dalgúns dos episodios máis interesantes desta obra universal.

Ao longo da actividade, achegáronse ao mundo da radio experimentando con diferentes efectos sonoros: uns elaborados polo propio alumnado e outros descargados de páxinas con recursos libres de dereitos. Deste xeito, fomos avanzando pequenos pasos na aprendizaxe da linguaxe radiofónica, traballando a lectura expresiva, a comunicación oral, a creatividade e o traballo en equipo.

Agardamos que desfrutedes deste percorrido sonoro polas aventuras de Don Quixote e Sancho Panza.

 

SAÍDA AO CASTRO DE SAN CIBRAO DE LAS

Gran día no Castro de San Cibrao de Las!

 

O martes 16 de xuño de 2026, o alumnado do CEIP Avelino Cachafeiro gozou dunha fantástica excursión ao impresionante Castro de San Cibrao de Las.

Queremos expresar o noso máis sincero agradecemento á ANPA pola súa organización e colaboración nesta actividade. Grazas ao seu esforzo e dedicación, o noso alumnado puido vivir unha xornada de aprendizaxe, descubrimento e convivencia fóra das aulas.

A continuación, podedes ver o vídeo resumo da visita:

O MURAL DE AVELINO CACHAFEIRO

O venres día 12 visitamos o mural de Avelino Cachafeiro situado na N-541, pero… OLLO! fomos testigos en directo, xa que aínda non estaba rematado e puidemos observar o proceso  de elaboración e facer preguntas grazas ao seu autor Sfhir, artista urbano recoñecido internacionalmente, autor do mural dedicado a Avelino Cachafeiro en Soutelo de Montes.

Queremos agradecer á nosa alcaldesa Belén Cachafeiro, e á concelleira Ángeles Ballesteros, así como á nosa ANPA, por acompañarnos e así reforzar, aínda máis a importancia de Avelino Cachafeiro, e tamén por dar a coñecer ao noso alumnado o traballo dun artista urbano/grafiteiro.

MERENDAS SAUDABLES

Co remate deste curso tamén chega ao seu fin o programa Merendas Saudables, unha iniciativa deseñada para fomentar hábitos alimenticios saudables nos recreos entre o noso alumnado.

Ao longo destes meses, moitos nenos e nenas participaron con ilusión nos retos propostos, demostrando que, pouco a pouco, é posible adquirir costumes máis sans e responsables.

SAÍDA DE FIN DE CURSO

O alumnado do centro desfrutou dunha xornada moi especial na Granxa Escola O Kiriko, onde puido aprender, convivir e pasalo en grande nun contorno natural cheo de actividades.

O alumnado de Educación Infantil e 1º ciclo de Primaria realizou unha visita aos animais da granxa e participou nun divertido obradoiro de galletas. Pola tarde, continuaron a xornada xogando no parque e coñecendo diferentes espazos da granxa escola, como por exempo, o horto.

Pola súa banda, o alumnado de 2º e 3º ciclo de Educación Primaria participou nunha busca de orientación, practicou tiro con arco, visitou tamén os animais e realizou unha actividade moi interesante: a creación de pegadas de lobo con xeso.

Ao longo do día compartimos tamén o momento da comida e tivemos tempos de lecer nos que o alumnado puido desfrutar do parque, do campo de fútbol e da compañía dos seus compañeiros e compañeiras.

CÓNTOCHE UN CONTO?

Durante todo o curso, o alumnado do 3º ciclo de primaria leu contos ao alumnado de infantil, unha actividade perfecta para crear lazos entre eles e mellorar a expresión oral e lectora dos maiores do cole.