Con outubro chegan as novidades á nosa biblioteca. Achegádevos pronto!



O Día Mundial contra o Traballo Infantil celébrase o 12 de xuño de cada ano, co obxectivo de concienciar e denunciar a explotación infantil que se produce en moitos países do mundo, onde os nenos se ven obrigados a traballar, negándolles todos os dereitos á educación, saúde e unha vida plena que permita o seu desenvolvemento e benestar integral.
En 2015, os líderes mundiais adoptaron os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), cun compromiso renovado para acabar co traballo infantil. En particular, o obxectivo 8.7 pídelle á comunidade internacional que:”… adopte medidas inmediatas e eficaces para erradicar o traballo forzoso, acabar coas formas contemporáneas de escravitude e trata de persoas e garantir a prohibición e eliminación das peores formas de traballo infantil, incluíndo recrutamento e utilización de nenos soldados e, para 2025, acabar co traballo infantil en todas as súas formas”.
SE ESTÁN CANSOS QUE SEXA SÓ DE XOGAR.



Florencio Manuel Delgado Gurriarán 
Florencio Manuel Delgado Gurriarán, nado en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) o 27 de agosto de 1903 e finado en Fair Oaks (California) o 14 de maio de 1987, foi un avogado e poeta galego. En México fundou a revista Vieiros, con Luís Soto e Carlos Velo, a Fundación do Padroado da Cultura Galega, a Irmandade Galeguista e o Ateneo de Galicia. A súa obra está recollida nos libros Bebedeira (1934), Galicia infinda (1963), Cantarenas. Poemas (1934-1980) (1981) e O soño do guieiro (1985). Encargouse da selección e tradución de poemas franceses incluídos en Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (1949) e da tradución de Cemiterio mariño de Paul Valéry.
A Real Academia Galega acordou dedicarlle o Día das Letras Galegas do ano 2022 tendo en conta catro aspectos fundamentais: a súa obra poética, catro libros con diferentes rexistros; a súa defensa e militancia a prol dos valores democráticos nun tempo adverso que el mantivo acesos mesmo nas angosturas do desterro; as terras de Valdeorras, coa súa cultura, tradicións, patrimonio histórico (material e inmaterial) e lingua; o entusiasmo, a colaboración, a demanda explícita que as institucións e as xentes dos concellos e as asociacións de Valdeorras lle transmitiron á Academia para que o ano 2022 fose o Ano Florencio Delgado.
Utilizou, en escritos de prensa ou revistas, varios pseudónimos: Korgomófilo, Nadel, Porto do Río, Xan do Sil, Sil e R. Miño.


O Día do Libro e do Dereito de Autor é un acontecemento anual que se celebra o 23 de abril.
As orixes da festa do libro están ligadas a Cataluña e á celebración do Sant Jordi (San Xurxo), cando era costume que os homes agasallasen as mulleres cunha rosa e estas o fixesen cun libro.

A UNESCO (Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura) decidiu celebrar conxuntamente o Día do Libro e do Dereito de Autor atendendo á casualidade de que a morte de Cervantes (o 23 de abril de 1616) se correspondía coa data do aniversario do nacemento e morte de William Shakespeare.

