TELEXORNAL SOUTELO DE MONTES
ACTIVIDADE INTERNIVEL
O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria rematou xa a primeira edición do Telexornal de Soutelo de Montes, unha iniciativa coa que o noso centro quere achegar a actualidade ao pobo e dar voz aos máis novos.
Durante varias sesións, os nenos e nenas convertéronse en auténticos xornalistas: investigaron noticias, prepararon guións, practicaron a expresión oral e gravaron as distintas seccións do informativo. O resultado é un telexornal feito integramente polo alumnado, pensado para manter informada á comunidade de Soutelo de Montes sobre diferentes temas de interese e actualidade.
Con este proxecto, ademais de traballar a comunicación, a competencia dixital e o pensamento crítico, o alumnado aprende tamén a informar con rigor, colaborar en equipo e participar activamente na vida da súa contorna.
Agardamos que desfrutedes desta primeira edición do Telexornal de Soutelo de Montes. Seguiremos informando!